Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Ordes participa con SOGAMA no programa cidadán de elaboración de compost


Poderán participar un total de 50 veciños e veciñas con terreo. Ofrecerase asesoramento e un composteiro completamente de balde. Poderán apuntarse ata o vindeiro 27 de novembro no mesmo Concello
10 novembro 2015. En colaboración coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) o Concello de Ordes ofrécelles aos seus veciños e veciñas a posibilidade de realizar o seu propio compost para usos agrícolas e labores de fertilización. Trátase dunha iniciativa na que poderán participar as persoas que posúan horta, xardín ou un pequeno terreo.
En total ofértanse 50 prazas, polo que os interesados e interesadas deberán inscribirse no mesmo Concello o antes posible, tendo como data límite o 27 de novembro. As persoas seleccionadas recibirán un composteiro e un curso dunha hora onde se impartirán coñecementos básicos e se resolverán as dúbidas. Persoal do Concello realizará revisións posteriores para asesorar e mellorar o proceso de elaboración e tirarlle o máximo beneficio.
Con esta iniciativa preténdese, por un lado, ofrecer coñecementos que permitan á poboación poñer en práctica hábitos sustentables, á par que se consegue reducir a produción de lixo e se incentiva un estilo de vida sostible e compatible co medio ambiente.